Wednesday 03 de July de 2024

Inés Rey: “O noso gran reto como cidade en 2024 será a definición da fachada marítima e a posta en marcha da AESIA”


A alcaldesa fixou durante a recepción de Nadal os grandes desafíos da cidade para o 2024, pasando por avances nos terreos portuarios, a AESIA e a mellora do transporte urbano

Rey aposta polo mantemento do diálogo para chegar a acordos na busca de grandes avances: “A Coruña é o único ao que nos debemos”

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu esta mañá a tradicional recepción de Nadal do Concello, un acto que reuniu a medio milleiro de persoas no Palacio Municipal de María Pita, entre autoridades, representantes da sociedade civil ou persoal municipal. A rexedora repasou no seu discurso os grandes avances acadados neste 2023 que remata e os desafíos que se presentan para a cidade no vindeiro 2024. Inés Rey destacou que o 2024 comezará con “boas novas” para a cidade, en referencia á aprobación definitiva do novo orzamento municipal, que entrará en vigor o vindeiro 1 de xaneiro froito do diálogo do seu Goberno municipal. “O noso entendemento vaise traducir nos orzamentos máis altos e sociais da historia da cidade, próximos aos 400 millóns de euros, respondendo así ás políticas coas que nos comprometemos diante dos nosos veciños e veciñas”.

Rey apuntou na súa intervención que este acordo certificará os barrios da Coruña como “eixe central do noso proxecto de cidade”, con investimentos históricos na Agra do Orzán, Novo Mesoiro, Xuxán, Barrio das Flores ou Monte Alto, nunha clara aposta polos “espazos públicos para as persoas e unha nova forma de mobilidade”. A alcaldesa tamén fixo mención ao importante reto que suporá no 2024 a remodelación das rutas e as mellora do servizo de transporte público urbano.

Rey fixo tamén fincapé en que “o noso gran reto como cidade en 2024 será a definición da nosa fachada marítima”. “Un desafío e unha oportunidade na que agardo contar coa colaboración de todas as institucións implicadas, porque do deseño que fagamos dependerá en gran medida o futuro da nosa cidade”, indicou Rey. A alcaldesa lembrou o importante papel que tivo o seu Goberno municipal no desatoamento da conexión ferroviaria a Punta Langosteira, reunindo en María Pita ás diferentes administracións implicadas, e destacou o traballo do Goberno central para fortalecer o porto exterior.

Inés Rey non quixo pasar por alto outro dos grandes desafíos do 2024 para A Coruña: a posta en funcionamento da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial. “A nosa candidatura foi a mellor e chega o momento da posta en marcha e consolidación dunha iniciativa que nos sitúa á cabeza de Europa no gran desafío social e económico destes tempos”, indicou a rexedora.

Un 2023 marcado polos avances

A alcaldesa, Inés Rey, centrou parte da súa intervención do Salón de Sesións de María Pita nos grandes logros acadados durante os últimos 12 meses, destacando entre eles os avances na ampliación e humanización de Alfonso Molina, a Cuarta Rolda, a estación intermodal ou o Novo CHUAC, proxectos nos que o Concello xogou e xoga un papel de gran relevancia.

Tamén destacou a rexedora o papel cultural da cidade a nivel nacional, estando entre as 10 máis importantes pola súa calidade e innovación segundo o Observatorio da Cultura e sendo un dos grandes referentes do noroeste peninsular. Rey indicou ademais que desde o seu Goberno Municipal aspiran a aliviar a situación actual de acceso á vivenda e espera contar “coa axuda das institucións que teñen competencia na materia”.

A alcaldesa tamén fixo un chamamento ao diálogo coas distintas forzas políticas, algo que caracterizou ao pasado mandato e que quere trasladar tamén a este. “Ten que continuar sendo A Coruña o único ao que nos debemos”, dixo.

Tamén fixo fincapé Inés Rey na eiva da violencia machista durante este 2023, representado simbolicamente cos 28 minutos de silencio que se gardaron no pleno ordinario do mes de setembro polas 28 mulleres falecidas durante o verán no país. “Nun momento de tanta gravidade coido que é necesaria manter a posición común da cidade contra esa eiva, de continuar deixando fóra do noso consenso básico o negacionismo, de manter liñas hixiénicas fronte ao machismo organizado”, sinalou Inés Rey.

A alcaldesa tamén quixo ter unha mensaxe de lembranza para “tres referentes das paixóns populares da Coruña”, como foron Amancio Amaro, Luis Suárez e Arsenio Iglesias, finados neste 2023. Por último, destacou que Luísa Villalta, próxima homenaxeada no Día das Letras Galegas, collerá o relevo cultural de Pablo Picasso no 2024. O pintor malagueño recibiu a homenaxe da cidade que o viu medrar no 50 aniversario do seu pasamento. Inés Rey quixo pechar a súa intervención lembrando a frase pronunciada por Picasso anos despois de marchar da cidade: “Os meus sentidos abríronse na Coruña”. “Non se me ocorre mellor afirmación para rematar este 2023 e comezar o 2024: Sigamos sendo unha cidade que abre os sentidos”.